sábado, 3 de mayo de 2008

A mocidade como negocio.

Lía outro día nun xornal un artigo que me fixo pensar no sutil negocio que certos sectores están levando a cabo e que ten como eixo central as novas xeracións. Alí citábanse os datos dun estudo no que se dicía que unha porcentaxe moi elevada de mozas (agora non teño a man o dato exacto), en plena adolescencia (15-16 anos), se tiña sometido (ou tiña esa intención) a unha operación de aumento de peito. Segundo os especialistas, este tipo de intervencións a semellantes idades, nas que o corpo aínda non está completamente desenvolvido, poden dar lugar a trastornos serios a nivel físico, como, por exemplo, dificultades na lactancia debido ás próteses implantadas, que poden sufrir alteracións ao desenvolverse o tamaño dos peitos durante a pubertade, e psíquicos, como a anorexia. Agora ben, a pregunta clave é, na miña opinión, de onde vén ou, mellor dito, quen crea nas mozas este desexo de facer cambios no seu corpo que son non só innecesarios senón tamén prexudiciais. Polo que eu vexo, isto provén dos canons corporais que nos veñen impostos pola moda. Pero o verdadeiro problema é, como dicía antes, esa sutil manipulación que as axencias levan a cabo, consistente en provocar que @s moz@s asocien a posesión dese canon corporal co éxito social, profesional e mesmo sentimental, e a súa carencia co fracaso. Esta campaña semioculta ten éxito nesa franxa de idade pola tendencia d@s adolescentes a seguir modelos sen cuestionalos, feito que certas "persoas" aproveitan sen que lles importe para nada a saúde das persoas que constitúen o futuro, senón encher as súas contas bancarias e montar sucursais en países dos que temos moito que aprender, como a de Zara en China, por exemplo. Nalgunhas ocasións, as tallas enormemente pequenas que nos transmiten agora como ideal teñen sido causa de trastornos alimenticios como a anorexia, que ten derivado, en máis casos dos desexables, en mortes de adolescentes.
Nesta sociedade na que vivimos, creo que unha das preguntas fundamentais debería ser: que é máis importante, as contas bancarias demasiado inchadas dalgunha "xente" ou a saúde, e mesmo as vidas, das novas xeracións? Non sei que pensades vós, pero eu creo que a pregunta, para a maioría da xente, só tén unha resposta.
Como estes "ideais de futuro" se transmiten en gran maneira pola televisión, gustaríame facer dúas propostas: procurar ser crítico con certas informacións (sen chegar a estremos), pois aínda quedan cousas na TV. que paga a pena ver (cada vez menos, por desgraza), ou facer nosa a opinión de Groucho Marx: "Eu penso que a televisión é moi educativa: cada vez que alguén a acende, marcho á biblioteca ler un bo libro.
Moitos saúdos e espero non ter sido radical de máis.

4 comentarios:

Marta dijo...

Canta razón tes.
Parece que a sociedade toleou de todo por mor do consumismo, pois á fin todo é por vender, todo é polo diñeiro.
Impera ese modelo de beleza precisamente porque é irreal, é dicir, non existe por natureza, non existen mulleres delgadísimas e con peitos enormes, nin homes musculosos, con pelo na cabeza e sen él no peito,nin homes e mulleres cunha pel e un cabelo perfectos, e que visten a diario coma se fosen a unha voda.
Polo tanto, coma non existe, hai que conseguilo artificialmente, mercando produtos e servizos. Está ben pensado, sí señora. Se existisen homes e mulleres así, podedes estar seguros de que o modelo sería outro, seguramente se poñerían de mode as mulleres sen peito (así habería que operarse para reducilo), os homes sen pelo na cabeza e con él no peito (así venderíanlles productos para que lles medrase o pelo no corpo, non para depilalo, e para afeitar o da cabeza)...
Hai que ser un pouquiño crítico, tes razón, e ante todo quererse un coma é.
E se hai xente que te quere ou te valora máis só polo físico, só por algo que se pode cambiar cunha operación oun cun cosmético, crédeme, a esa xente convén non tela preto.

Sergio Prieto dijo...

Saúdos. Canta sabedoría contida nesa última frase, pero é unha mágoa que esa idea non estea máis difundida. Gracias polo comentario.

Mabel dijo...

justamente en clase una de estas mañanas salió a relucir este tema tan candente sobre las modas...y algo que me hizo pensar al respecto,lo tan estudiado y analizado que está todo para crear de algo superfluo una "rabiosa"necesidad...todo ello me llevó a pensar,en la famosa pirámide de las necesidades de la que hablaba Maslow(que seguro, es utilizada como medio de manipulación de "masas"),por conseguir,afecto,pertenecer a un grupo,prestigio...lo que se puede llegar a hacer.De verdad podemos autorealizarnos,superarnos yendo por estos derroteros...?

Marta dijo...

Dubido moito que nos poidamos realizar dese xeito.
Basta con observar á xente: ¿quén é máis feliz,quén ten a cabeza mellor posta e é máis estable: os/as que andan sempre pendentes do externo,maquillándose e vestíndose para que os/as demáis lles fagan máis caso ou os/as que non se preocupan diso e visten como queren,fan o que lles apetece sen pensar se está ou non de moda, axudan ós demáis, tratan con todo o mundo por igual...?
Coñezo a xente dos dous "bandos", e non me cabe dúbida de quen se sinte mellor consigo mesmo e cos demáis,a esa xente sí que paga a pena tela preto.