jueves, 21 de agosto de 2008

Bens de Interese Cultural en Galicia

Unha boa nova: A Xunta vai declarar Ben de Interese Cultural nada menos que 48 xacementos megalíticos: mámoas, menhires...
Na Coruña vanse incluír 19 xacementos, en Lugo 8, en Ourense outros 8 e en Pontevedra 13.

Algúns deles son: Fornela dos Mouros en Laxe; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra da Arca en Malpica, Pedra Moura en Carballo, o Chan de Arquiña en Moaña, a Casela do Foxo en Muiños ou a Roza das Modias en Vilalba.

Con isto, a Xunta quere por en valor estes monumentos, e realizará para elo excavacións, situación por GPS dos monumentos e da súa área de protección, delimitación gráfica e máis textual dos xacementos e fichas normativizadas de cada un dos lugares.

2 comentarios:

Marta dijo...

Os xacementos que se inclúen son os seguintes:

Na provincia da Coruña, 14 xacementos:


Pedra da Arca ou Casa dos Mouros (Baíñas, Vimianzo). Dolmen de corredor de gran tamaño, cunha lonxitude total de 7,50 metros. Ten unha cámara poligonal cunha enorme lousa de cuberta e un corredor de 4,70 metros en dous tramos, con outras dúas cubertas. Contén un gravado, con liñas onduladas e manchas vermellas.
Pedra da Lebre (Serramo, Vimianzo). Dolmen de planta poligonal formado por unha lousa de cuberta e cinco ortostatos de grandes dimensións.
Pedra Moura de Monte Carneo (Treos, Vimianzo). Dolmen de planta poligonal con corredor, cunha lonxitude total de 4 metros.
Pedra Cuberta (Treos, Vimianzo). Dolmen de cámara poligonal e corredor, con 6,60 metros de lonxitude total. Nel apareceron pinturas das que só quedan algúns vestixios.
Mina de Recesinde (Carantoña, Vimianzo). Dolmen de notables dimensións oculto nun túmulo de gran tamaño. Conserva seis ortostatos.
Arquiña de Vilaseco (Castrelo, Vimianzo).
Casota de Berdoias (Berdoias, Vimianzo). Probablemente o mellor exemplo galego de cista megalítica. Ten planta rectangular, cunha lousa sobre tres esteos nos que hai gravados con motivos cruciformes e cazoletas.
Rabós (Necrópole de Chan do Cabral) (Baíñas, Vimianzo).
Arca da Piosa (Muíño, Zas). Conta con cámara e corredor, con cadansúa cuberta de grandes dimensións. Conserva gravados serpentiformes. Eduardo Pondal situaba aquí a tumba do mítico guerreiro Brandomil.
Pedra Vixía (Lamas, Zas). Formado por nove ortostatos, desprazados da súa posición orixinal. Conserva tamén dous fragmentos da cuberta.
Fornela dos Mouros (Nande, Laxe). Cista megalítica con tres ortostatos dispostos verticalmente que sosteñen unha lousa de cobertura.
A Mina da Parxubeira (Eirón, Mazaricos). Tamén coñecido como Dolmen de Corveira, forma parte dunha necrópole integrada por catro túmulos. No seu interior apareceron estelas antropomorfas, ídolos e un enxoval moi valioso.
Pedra da Arca (Cerqueda, Malpica). Un dos dolmens máis coñecidos pola súa monumentalidade, cunha enorme cuberta dunhas nove toneladas de peso.
Pedra Moura (Aldemunde, Carballo). Dolmen de 2,40 por 3,20 metros. O maior dos seus esteos acada os 2,30 metros de altura.
Outros xacementos megalíticos que se van declarar BIC

Provincia da Coruña. 5 xacementos:


Dolmen da Cova da Moura ou Dolmen de Argalo (Noia). Formado por sete ortostatos, conserva parte do túmulo. Mide 3,10 por 2,90 metros. No interior apareceron ferramentas, un ídolo e restos cerámicos.
Mámoa do Forno dos Mouros (Toques). Cámara poligonal formada por sete ortostatos e lousa de cobertura. No interior apareceron restos de pintura vermella e negra formando liñas crebadas sobre base branca.
Necrópole da Serra do Barbanza e Casarota do Fusiño (Boiro). Conxunto de cámaras megalíticas formada pola Casota do Páramo, Mámoas de Cavada, Outeiro Redondo, Arca de Barbanza e outras. Atópanse nunha zona chamada Chans do Iroite, na parte central desta península, unha das áreas galegas con maior concentración de túmulos megalíticos.
Mámoas dos Campiños (Rianxo). Necrópole integrada por seis túmulos.
Dolmen de Forno dos Mouros ou Pena Branca, na Serra da Faladoira (Mañón). Formado por sete ortostatos de cuarcita na cámara e dous no corredor. Mide 3,20 x 3 metros.

Provincia de Lugo. 8 xacementos:


Mámoa de Santo Tomé (O Valadouro). Dolmen semisoterrado no seu túmulo e formado por catro ortostatos e a lousa de cobertura. Ten unha altura de 1,50 metros.
Mámoas da Roza das Modias (Vilalba). Necrópole formada por seis túmulos. O principal ten 12 m de diámetro por 1,5 de altura e contén unha cámara poligonal que non conserva a lousa de cobertura pero si catro ortostatos cun conxunto de gravados moi visibles en forma de liñas onduladas paralelas.
Anta de Abuíme (O Saviñao). Dolmen de cámara poligonal formado por cinco ortostatos duns 2 m. de altura.
Dolmen do Hospital (A Fonsagrada). Dolmen sen túmulo do que se conservan catro ortostatos de grandes dimensións, o maior de 1,30 cm de ancho por 1,90 de alto.
Mámoa de Mollafariña (Xermade). Dolmen de forma poligonal con dez ortostatos de cuarcita.
Anta de Chao de Mazós (Begonte). Dolmen do que se conservan sete esteos pequenos rodeados do seu túmulo.
Anta da Moruxosa ou Capela de Vieiro (Friol). Dolmen pequeno formado por seis ortostatos e unha lousa de cobertura. A cámara mide 1,7 por 1,5 metros.
Modorras de Monteirón e Medorra Aberta (Gándara de Narla) (Friol). Mámoas excepcionalmente grandes, cun volume de túmulo superior aos 2.000 m3 cada unha delas.

Provincia de Ourense. 8 xacementos.


Mámoas de San Cibrao (Rairiz de Veiga e A Bola). Necrópole con dúas cámaras en bo estado de conservación, unha delas poligonal e a outra case circular, cada unha delas con oito ortostatos.
Mámoa da Casa da Moura (Entrimo). Destaca polas súas dimensións e bo estado de conservación. O dolmen está formado por seis ortostatos que sosteñen unha lousa de gran tamaño, e conta cun corredor dun só tramo con cuberta, formando un conxunto de 4 metros de longo e 2 de altura.
Mámoa da Casiña da Moura (Muíños). Trasladado do seu lugar orixinal pola construción do encoro de Salas. Cámara poligonal composta por sete ortostatos que sosteñen unha lousa de grandes dimensións.
Mámoa da Casola do Foxo (Muíños). Forma parte da necrópole de Maus de Salas e ten un dolmen de cámara poligonal con sete ortostatos e cuberta, con parte do túmulo. No seu interior apareceron restos de cerámica campaniforme.
Mámoas do Outeiro de Cavaladre - Maus de Salas (Muíños). Necrópole formada por catorce túmulos, dous dos cales foron escavados e neles atopáronse restos cerámicos.
A Mota Grande (Verea). Mámoa de grandes dimensións que conserva no interior unha cámara megalítica formada por cinco ortostatos, un deles con restos de pintura e outro cun gravado.
Motas de Penedo da Canteira (Verea). Conxunto de quince túmulos. Ao igual que a anterior forma parte dunha gran necrópole na serra de Leboreiro que se estende tamén por Portugal e que ten en total 130 túmulos.
A Pedra Alta de Antela (Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Sarreaus). Menhir ou monolito de granito de 3,47 metros de altura e entre 0,70 e 0,42 de grosor. Serviu de límite entre os tres concellos citados.

Provincia de Pontevedra. 13 xacementos.


Mámoas da Cruz - Alperiz (Lalín). Necrópole de seis túmulos. Nun deles só se conserva un ortostato enteiro, pero a súa importancia radica nos seus gravados de motivos serpentiformes.
Mámoa dos Muíños (Agolada). É un dolmen de grandes proporcións e ben conservado aínda que a cuberta está derrubada.
Mámoas do Marco do Camballón ou de Oirós (Vila de Cruces. Necrópole con quince túmulos, un deles cun dolmen no que apareceron gravados serpentiformes e outro cun motivo solar, ademais de restos cerámicos.
Chan de Arquiña (Moaña). Dolmen con cámara poligonal e corredor, que conserva parte do túmulo. Ten once ortostatos na cámara e outros cinco no corredor. Mide 5,20 m de longo, 3,45 m de ancho e 2,20 m de alto.
Mámoas de Chan de Armada (Marín e Vilaboa). Conxunto de nove túmulos. O principal ten un dolmen de cámara poligonal cunhas dimensións de 4,20 por 2,70 m.
Mámoa de Pedra Longa - Chan de Castiñeiras (Marín). Cámara megalítica moi alterada, formada por dez ortostatos dos que dous teñen abundantes gravados en forma de liñas horizontais.
Mámoa do Rei - Chan de Castiñeiras (Vilaboa). Dolmen no interior dun túmulo de 30 por 20 metros. Un dos seus ortostatos conserva gravados en liña crebada baixo dun signo cruciforme.
Dolmen da Casa dos Mouros (Vigo). Conserva cinco ortostatos nun dos cales, de case 2 m. de altura, apoia hoxe a lousa da cuberta.
Mámoas de Candeán (Vigo). Conxunto de túmulos entre os que se atopan as medorras existentes en Chan dos Touciños e na Costa da Freiría.
Dolmen de San Colmado - Anta do Meixoeiro (Mos). Dolmen de corredor que conserva cinco ortostatos e a lousa de cuberta, cun moi bo estado de conservación aínda que non está no seu emprazamento orixinal.
Necrópole de Monte Penide (Redondela). Conxunto de 39 túmulos, coñecidos como "Cortellos dos Mouros". O máis importante é a Mámoa do Rei, unha cámara poligonal que conserva seis ortostatos.
Lapa de Gargantáns (Moraña). Menhir de 1,92 m. de altura. Ten forma apuntada, con base cadrada e lados curvos, con vinte cazoletas gravadas. Corresponde á fase final do megalitismo galego.
Coto dos Mouros (Rodeiro). Dolmen parcialmente oculto polo seu túmulo. No interior da cámara, formada por oito ortostatos, obsérvanse restos pictóricos en vermello, formando liñas crebadas.

Mabel dijo...

Si, que é unha boa nova!!A ver si esto nos fai valorar,considerar,respetar,... o que ten esta Maravillosa Terra na que nos tocou vivir!!Apreciala e Amala mais se cabe!!Gracias!!,Martiña por facernos ver este tipo de noticias, que tanto nos nutren a todolos niveis.